Están implicados na súa elaboración os departamentos competentes en igualdade, sanidade, educación, familia e benestar, dependencia, xuventude, emigración, vivenda e mobilidade. As entidades e asociacións representativas que traballan neste ámbito valoran como positivo e necesario o plan, cuxo borrador foi presentado esta mañá para que realicen as súas achegas.
As mulleres xestantes residentes en Galicia van beneficiarse a partires de setembro dunha serie de medidas e axudas que aseguren a súa protección e un clima favorable durante o periodo de xestación, compiladas no Plan Integral de Apoio á Muller Embarazada 2011-2014, cuxo borrador foi presentado e analizado esta mañá coas asociacións representativas que traballan neste área, nunha xuntanza celebrada en San Caetano. Na redacción do plan, que coordina a Secretaría Xeral da Presidencia, están implicados os departamentos da Xunta con competencias en igualdade, sanidade, educación, familia e benestar, dependencia, xuventude, emigración, vivenda e mobilidade, para asegurar un enfoque multidisciplinar, complementario e integrador das actuacións propostas.
As asociacións presentes na xuntanza coincidiron en valorar como positivo e necesario o o plan, a cuxo borrador achegarán as súas propostas para ser analizadas pola Xunta e, á vista da súa viabilidade, ser incorporadas para a aprobación definitiva do plan polo Consello da Xunta no vindeiro mes de setembro.
O Plan Integral de Apoio á Muller Embarazada, derivado da lei 5/2010, do 23 de xuño, que establece e regula unha rede de apoio á muller embarazada, porá á súa disposición recursos sanitarios, sociais ou educativos, que garantan o dereito da muller á maternidade e contribúan a levar o embarazo a bo termo.
O criterio que inspira o plan é mellorar a calidade de vida e favorecer as condicións da muller embarazada nos casos de dificultade para levar adiante a xestación, ben por atoparse en entornos de marxinación ou risco de exclusión social, por padecer algunha discapacidade, ser menor de idade, estar cursando aínda os seus estudos ou ser inmigrante, circunstancias polas que a maternidade pode abocalas ou agravar a situación de marxinalidade. En función da especificidade das xestantes, a estrutura do plan definirá, por áreas de actuación, os obxectivos e as medidas, axeitadas ás súas circunstancias.
As liñas de actuación terán presente, entre outros eixos, a prioridade das mulleres embarazadas en todas as axudas de carácter social xa postas en marcha pola administración autonómica e un intenso labor de información sobre os programas e recursos existentes.
Convocadas as entidades e asociacións representativas
Á xuntanza de traballo sobre o borrador do Plan de Apoio á Muller Embarazada foron convocadas as entidades e asociacións que traballan en Galicia en programas de axudas a mulleres embarazadas ou nais en situación de risco, Caritas Diocesana, a Red Madre, a Fundación Amigos de Galicia, a Fundación Secretariado Xitano, a Asociación Antonio Noche, a Asociación de Axuda e Atención ao Preso, o Comité de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI-Galicia) e o Foro Galego da Familia.
En representación da Xunta, asistiron a secretaria xeral da Igualdade, Marta González; o secretario xeral da Presidencia, Valeriano Martínez; o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro; a directora xeral de Dependencia e Autonomía Persoal, Coro Piñeiro; e a asesora técnica de Educación, Isabel Barreiro.
Oportunidade do plan
A análise da maternidade en Galicia pon de relevo que desde os anos oitenta sofre unha profunda crise demográfica, cunha taxa de natalidade inferior á media española e agravada por factores como o incremento da idade das nais primíparas, que conleva a diminución do número de fillas ou fillos por muller. A iso hai que engadir factores como o reducido peso da natalidade da poboación inmigrante en Galicia ou a ampliación do periodo de formación das mulleres, que retrasa a decisión sobre a maternidade.
Nos países desenvolvidos, o índice de fecundidade, é decir, o número de fillas/os por muller, que se considera axeitado para substituir unha xeneración é do 2,1, un índice que non cumpre España, cun 1,41 en 2010, e aínda menos as provincias galegas, que presentaban a esa data un índice de fecundidade encabezado por Pontevedra cun 1,14; seguido de A Coruña, cun 1,10; Lugo e Ourense, igualados cun índice de 0,96 fillas/os por muller. Decrecen as adopcións e aumentan as interrupcións voluntarias do embarazo, que en Galicia pasaron nunha década dos 2.210 no ano 1999 aos 3.208 abortos rexistrados en 2009.
Este contexto de crise demográfica reforza a oportunidade do plan, concibido cun carácter aberto que permitirá reformular as medidas e incorporar en cada momento as modificacións que o seguimento da súa aplicación aconselle.
IGUALDADE XUNTA DE GALICIA
Comentarios recientes